El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias » El Correo 2

USC/ELOS

As ausencias que magoan

Os xogos perigosos de Misa en Xa non estou aquí

MARTA NEIRA RODRÍGUEZ.   | 18.06.2017 
A- A+

Nestes días nos que coñeceron as obras gañadoras da trixésimo segunda edición do Premio Merlín de Literatura Infantil e da novena edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, convocados, como é sabido, por Xerais, e á espera de velas nos andeis das librarías e bibliotecas a comezos do outono, é propicio lembrar a novela de instituto Xa non estou aquí, de Iria Misa, gañadora do Jules Verne na súa oitava edición.

Dedicada “Para os meus pais, que me apagan a tele desde 1983” e a Ledicia Costas, unha escritora que entrou con forza no panorama literario infantil e xuvenil galego nos últimos anos, Xa non estou aquí constitúe a primeira obra publicada da licenciada en Filoloxía Inglesa e profesora de ensino secundario Iria Misa, unha autora á que tamén parece agardarlle un futuro prometedor na literatura galega.

Ao longo de vinte e seis capítulos titulados, enmarcados nun “Preámbulo” (ao que lle antecede un breve texto no que os termos “morte”, “dor” e “vida” anticipan algúns trazos da intriga da novela) e un “Epílogo,” o lectorado coñece os feitos que rodean a misteriosa desaparición de Ánxela, unha moza que repite primeiro de bacharelato e que no novo curso escolar abandona as amizades de sempre e entra en contacto cos Murnios, un grupo, formado por María, Carlos, Gabriel e os irmáns Leirós, cuxos hábitos, distintos aos doutros compañeiros, finalmente non darán en nada bo.

Desde diferentes puntos de vista (o de Ánxela, pero tamén desde os dos seus pais ou, sobre todo, desde os dos Murnios) o lectorado é quen de configurar o crebacabezas que supón a estraña desaparición dunha rapaza, principal asunto da novela e tema de plena actualidade na sociedade galega pois, de maneira fortuíta, a publicación da obra de Misa saíu a lume pouco tempo despois da desaparición de Diana Queer.

Xa non estou aquí é unha novela que fala da incomprensión familiar, da necesidade de pertencer a un grupo, da soidade, das drogas, da falta de personalidade, da autoestima, da aparente desgana dos máis novos, da necesidade de experiencias vitais de risco para saír do cotián, do amor, da fidelidade, da homosexualidade e de como esta é vista polos outros ou mesmo por un mesmo... En definitiva, unha novela próxima ao lectorado adolescente que aqueles que xa dan aulas de galego e aqueloutros que nestes días se preparan para iso deberían coñecer e recomendar aos seus compañeiros e discentes.

marta.neira@usc.es