El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

TRIBUNA LIBRE

Ariadna

XOSÉ ANTONIO GRELA (*)  | 11.12.2017 
A- A+

A filla de Pasífae e do rei Minos de Creta namorouse daquel mozo ateniense, Teseo, disposto a morrer como un heroe para rescatar ao seu pobo do terrible imposto anual de acomedar ao Minotauro con sete mozas virxes e sete efebos. A historia do Minotauro non é menos interesante, pois remite a un regalo de Poseidón: un touro branco que o deus do mar entrega a Minos e que promete sacrificar como compra dos favores divinos (do ut des). Pero o touro era tan fermoso que foi ocultado entre o rabaño e no seu lugar sería sacrificado outro.

Como castigo, a súa dona, Pasífae, caería apaixonada polo animal ata unirse a el sexualmente, grazas a intercesión dun arquitecto, Dédalo, que comezaría construíndo unha vaca de madeira recuberta con pel auténtica para que ela entrase no seu interior e remataría deseñando o famoso labirinto para pechar o froito desa unión. Con estes antecedentes, Ariadna entregou un nobelo de fío para guiar a Teseo polo labirinto e poder alcanzar a liberdade, porque, se matar o Minotauro non era empresa doada, saír da encrucillada concibida polo famoso arquitecto era practicamente imposible.

Así foi como Teseo logrou saír vitorioso, grazas a astucia dunha namorada Ariadna, aconsellada polo propio Dédalo. Non falta quen observa neste mito certa base histórica ao interpretar ese touro branco como un regalo dado polos tartessos. Tras esa comitiva real, Pasífae quedaría preñada, pero non por un touro precisamente, e o fillo, visto como unha vergoña polo rei Minos sería encerrado nalgún lugar do Palacio.

Ovidio, Dante, Nietzsche, Cortázar ou o mesmo Borges interpretaron este mito e a frustrada paixón entre Teseo e Ariadna. Das múltiples versións desta historia quédome co Asterión borxiano, prisioneiro no “templo das machadas” e que espera a súa morte liberadora sen opor resistencia para adozar á fin, unha anguria existencial. As pedras brancas de Polgariño e non tanto as fungallas que lle comeron os paxaros na versión de Perrault, lembran este fío de Ariadna; un fío, que segue a inspirar unha inventio universal. Ben o souberon enfiar en Rueda, ao sur da provincia de Valladolid, cunha serie de bodegas entrelazadas: “O fío de Ariadna”, na súa acepción máis labiríntica.

Pero hai outra nobre inspiración baseada no fío da vida e que vai dar moito que falar nos vindeiros anos. Pois unha aplicación a piques de ser lanzada como primicia en Galicia promete estenderse a todo o territorio nacional nun plan moi ambicioso por altruísta. Baixo o nome de “App Ariadna”, a Cruz Vermella e a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) van a crear un rexistro de desfibriladores externos automatizados (DEA).

A idea é aumentar o número por habitante. Mentres que en España apenas hai 2,6 aparellos por cada 10.000 habitantes, en Alemaña a cifra aumenta a 11, en Francia a 18, e nada menos que aos 55 no Xapón. Sirva como comparativa a cantidade de extintores respecto do número de mortos provocados polo lume. Porén, iso non o é todo, todos aqueles voluntarios que teñan feito un cursiño de Reanimación cardiopulmonar (RCP), profesores, bombeiros, gardas de seguridade, monitores, persoal sanitario, da Cruz Vermella... que de maneira voluntaria se queiran ofrecer a salvar unha morte súbita, poderán figurar nesta aplicación para seren convocados por proximidade á emerxencia.

Cada ano morren no noso país unhas 30.000 persoas. Só un 3% da poboación está formada para intervir nunha parada cardíaca. Está comprobado que se un doente é atendido nos primeiros dez-doce minutos, a porcentaxe de éxito aumenta exponencialmente, como sucedeu con cancro de mama cando se tomaron as medidas correctoras previas. Dinamarca é o único país da UE que se tomou en serio este reto. Pasou dun 4 a un 25% de éxito nas intervencións. Nós estamos por baixo dun 5% de supervivencia por non dispor, nin dos desfibriladores nin dun persoal de intervención rápida. O prezo dun desfibrilador arranca nuns mil euros.

O fío da vida non ten prezo, e nada hai máis forte que o corazón dun voluntario! Quen lles está a escribir ofrecerase para que esta situación non nos avergoñe por mais tempo. Dende este humilde atalaia, convido a todos aqueles cun cursiño de RCP a dirixirse á Cruz Vermella, para lograr sacar a moita xente do labirinto, formando parte de ARIADNA.

(*) O autor é profesor de Ensino Secundario