El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

O Dicionario da RAG actualiza e incorpora 168 termos matemáticos

Dez profesionais das tres universidades galegas, o Instituto Galego de Estatística e o Ensino Medio elaboraron o informe que permitiu a mellora das definicións de léxico matemático

Carlos Luís Iglesias, esda., María Victoria Otero Espinar, Víctor F. Freixanes, Xosé María Masa e Manuel González.  - FOTO: RAG
Carlos Luís Iglesias, esda., María Victoria Otero Espinar, Víctor F. Freixanes, Xosé María Masa e Manuel González. - FOTO: RAG

LUIS MONTERO SANTIAGO   | 13.03.2018 
A- A+

A actualización do Dicionario da Real Academia Galega é constante a través do Seminario de Lexicografía da institución, formado por membros numerarios, correspondentes e persoal técnico. Pero a mellora desta ferramenta indispensable da nosa lingua en ocasións non é só labor de lingüistas e faise imprescindible a cooperación de especialistas noutras disciplinas. É o caso da revisión e actualización de léxicos especializados como o matemático, un labor que acaba de concluír grazas á colaboración de dez expertos e expertas das tres universidades galegas, o Instituto Galego de Estatística e o ensino medio.

O traballo concrétase en 168 termos: parte deles son entradas novas, outro grupo son conceptos matemáticos que se incorporan con acepción propia a entrada de termos que xa figuraban no Dicionario e se reelaboran definicións e exemplos. Todas estas achegas poden consultarse xa na versión en liña do Dicionario da Real Academia Galega.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, presentaron onte este traballo xunto a María Victoria Otero Espinar e Xosé Masa, profesora de Análise Matemática e catedrático de Xeometría e Topoloxía da Facultade de Matemáticas da USC, e Carlos Luís Iglesias Patiño, estatístico do Instituto Galego de Estatística. Os tres son parte do equipo que elaborou o informe sobre o léxico matemático do Dicionario, un grupo que completan Xusto Rodríguez, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC, e Celso Rodríguez, profesor de Álxebra da mesma institución; Iván Area Carracedo, profesor de Matemática Aplicada da UVigo; Miguel Brozos Vázquez e Andrés Pietro Aneiros, profesores do Departamento de Matemáticas da UDC; Cibrán Arxibai Queiruga, profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda, e Sandra Sambade Nieto, docente do IES Monte da Vila do Grove.

O presidente da RAG recordou que a comunidade matemática é desde hai décadas "especialmente sensible á incorporación da lingua á modernidade" e agradeceu o labor das persoas que revisaron o Dicionario da Academia desde esta disciplina. "É un traballo de moita dedicación e moita xenerosidade, feito por amor á lingua e polo compromiso que significa o avance e a modernización do país", dixo Freixanes.

O responsable do Seminario de Lexicografía agradeceu tamén o "altruísmo" co que este traballo foi feito e gabou a "solidez" das achegas. "Espero que isto sexa o inicio dunha colaboración que continúe no futuro", engadiu González, que lembrou que "para a elaboración do léxico especializado é totalmente imprescindible a colaboración de lingüistas e de especialistas en cada área".

María Victoria Otero Espinar recordou que a idea de revisar o léxico matemático do Dicionario xurdiu nunhas xornadas de lingua e matemáticas na Facultade de Matemáticas da USC en 2013, unha das iniciativas postas en marcha pola comisión de normalización lingüística deste centro.

A partir de aí, constituiuse un grupo "moi motivado", con especialistas de distintos eidos comprometidos co emprego do galego no ensino, na investigación e nos usos profesionais. E convencidos tamén da importancia do Dicionario como ferramenta tanto para os expertos na materia como para toda a sociedade.

"Pensamos que se a información proporcionada polo Dicionario da RAG da terminoloxía matemática é clara e accesible, e é fiel ao concepto matemático que se describa, sen caer en simplificacións ou xeneralidades que provoquen erros, axudará a derribar a barreira que dificulta a transmisión de coñecemento a determinados sectores da sociedade que non están especializados", salientou.

Carlos Luís Iglesias Patiño lembrou na mesma liña o compromiso do IGE coa normalización do idioma a través de profesionais como Antonio Alonso e Xenaro García Suárez, quen "sementaron en min a inquedanza de facer algo pola normalización lingüística", asegurou. O estatístico puxo o acento na interdisciplinariedade do grupo que mellorou o léxico matemático porque, se ben nove dos dez membros son do eido matemático, a coordinación asumiuna o lingüista Xusto Rodríguez.

de desvío padrón a polinomial

•••Entre as novas entradas do Dicionario figuran palabras como grafo, hexadecimal ou óvalo. No apartado das novas acepcións incorpóranse conceptos matemáticos de vocábulos como interpolar, moda, mediana, congruencia, regresión ou transitivo; e expresións como desvío de padrón na palabra desvío e número alxébrico, número pi ou número abstracto na entrada de número. Outra nova entrada é polinomial para referirse ao relativo a un polinomio. A forma segue a solución habitual na maioría das linguas, e a que ten máis razón de ser desde o punto de vista histórico e etimolóxico. Mantense, como menos recomendable, o adxectivo polinómico.