El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tecnoloxía

Mophie estrea unha batería externa con USB-C, USB-A e toma de corrente

A Mophie powerstation AC serve para cargar rapidamente ordenadores portátiles, tabletas, smartphones, cámaras, drons e moitos outros dispositivos.

MARCUS FERNÁNDEZ  | 03.01.2018 
A- A+

Aínda que Mophie é un fabricante coñecido principalmente polas súas fundas para móbiles que incrementan a súa autonomía, tamén fabrican baterías externas que non destinadas a complementar a un produto concreto, sendo especialmente rechamante a súa última batería externa, a Mophie powerstation AC, que polo momento só pode mercarse nos EE.UU. a 199,95 dólares (aínda que prevese que chegue en breve a Europa) e que nun tamaño de 190 x 114 x 28 milímetros e un peso de 126 gramos agocha unha capacidade de 20.000 mAh que destaca por poder entregase a practicamente calquera produto portátil (ordenadores, tabletas, cámaras, smartphones, drons...).
Esta batería externa pode empregarse, por exemplo, para conectar un cargador de baterías para unha cámara fotográfica, xa que conta cunha toma de corrente estándar de até 100 watts; tamén inclúe tomas USB-A de até 2,4 amperes e USB-C de até 30 watts (compatible con carga rápida). Inclúe un indicador LED do estado de carga e o nivel de batería e incluso está recuberta de tea, para poder transportala de xeito seguro na mesma bolsa con outros trebellos.
A batería incorpora un sistema que durante a súa carga prioriza a entrega de enerxía aos dispositivos que teña conectados, atendendo por orde a toma de corrente estándar, o porto USB-C e o porto USB-A, que operarán simultaneamente até superar os 100 watts de enerxía entregada.