El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

A saúde e os distritos sanitarios

14.01.2018 
A- A+

A aprobación no pasado mes de decembro da Lei da Saúde que ven sendo unha actualización da lei galega do ano 2008, fixa en sete as áreas sanitarias de Galicia. Dende a propaganda oficial, se nos di que deste xeito se blindan os hospitais comarcais coa creación de 14 distritos sanitarios. Esta decisión de reducir as áreas sanitarias ten levantado unha grande polémica entre os profesionais do sector que ven nesta diminución un posíbel recorte nos servizos no ámbito comarcal, tan necesitado por outra parte da modernización das instalacións e do achegamento das melloras sanitarias ás contornas rurais que enchen o noso envellecido pais.

Da que pensar que a pesares dos anos transcorridos dende a creación do SERGAS os problemas de fondo da xestión sanitaria segan a ser fundamentalmente estruturais. Como usuarios da Seguridade Social, os niveis de impacto inmediato seguen a ser os mesmos e a sensación da persistente masificación leva à percepción da deshumanización dos servizos. Outros problemas de organización, debidos moitas veces a picos epidemiolóxicos, desembocan en graves problemas de distribución, como poden ser a falta de camas, a falta de quirófanos, ou persoal insuficiente o que tampouco mellora a visión global que se ten dende fóra dunha organización que saiba optimizar recursos e sexa máis eficiente no seu funcionamento, como se nos trata de mostrar dende o goberno.

As listas de espera cirúrxicas e non cirúrxicas, os recortes e as vacantes non cubertas son outros problemas aos que trata de enfrontarse o departamento de sanidade. A meta parece ser que as vacantes poidan cubrise no menor tempo posíbel e facilitar os itinerarios profesionais que se pretenden ter en conta, para a adecuación dos sistemas de selección e provisión. A idea é crear un axeitado clima laboral e facilitar a conciliación dos traballadores sanitarios. Os sindicatos e a oposición non parecen pensar o mesmo e sosteñen que a lei de saúde esconde novos recortes na sanidade galega, ao poñer diante o criterio económico, algo que vai afectar negativamente á calidade asistencial.

Por outra parte insisten en que a centralización aparta a toma de decisións dos lugares onde se atende aos pacientes e onde traballa o persoal sanitario que é o que coñece as necesidades dos distintos servizos. Resaltan que esta nova organización non vai mellorar a maior coordinación entre a atención primaria e a hospitalaria xa que os médicos dos centros de saúde non teñen un interlocutor válido pois que todo o sistema xira entorno aos centros hospitalarios deixando fora as opinións dos médicos de familia.

Non pode ser, explican, que sexan os hospitais os que tomen as decisións e marquen as directrices. De ser certo, é unha cuestión grave, xa que a atención primaria é un servizo necesario e imprescindíbel para a seguridade da saúde do cidadán. Determinadas decisións administrativas non poden vir complicar as actuacións de profesionais responsabeis.

Da Real Academia Galega