El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

MILAGROS FERNÁNDEZ

Ler para vivir

13.02.2018 
A- A+

NA escola de cando eu era nena había un día para lermos. Escoitabámonos unhas ás outras o que dicían os textos daquel libriño verde El primer manuscrito de J. Dalmáu Carles. O libro facía honra ao seu título xa que os contos mostraban distintas caligrafías que nos afacían a diferentes tipos de letras. Están hoxe prendidos na memoria os relatos para min inquietantes sobre Géiseres y caldas e sobre Los volcanes. Tamén os pequenos contos con sentenza final, coma o que narraba a amizade entre Venancio e Carlos e que se pechaba coa máxima: "Un bo amigo e un bo libro son dous tesouros de gran valor". Aquelas lecturas recitadas alimentaban en nós destrezas para falar e para comprender. Ler con xeito e escoitar con atención era o letreiro da actividade. Imaxinar e recrear o que se contaba era un froito sabedor.

Está claro que saber ler non significa ter destrezas para comprender o que se le. Hoxe en día apenas hai analfabetos, pero a alfabetización non garante a competencia lectora. Os informes PISA (Programme for International Student Assessment) son reveladores de carencias alarmantes no eido da comprensión. Quizais porque estamos envoltos nun mundo ruidoso, quizais porque a vida é vertixinosa, ou porque triunfa o embruxo da imaxe, o certo é que non se lle fai o sitio debido á lectura, que precisa de concentración e devagar nun tempo silandeiro. Nesto do silencio os finlandeses van por diante ao seren unha sociedade calada e case que taciturna, o que ao mellor pode favorecer os resultados tan positivos en competencia lectora.

Nunha época como a que nos toca, na que hai un chamativo incremento de crises de ansiedade, sería bo facer terapias con lectura. Non digo que as técnicas de meditación e da chamada mindfulness ou consciencia plena estean de máis, pero ler ten vantaxes únicas.

Segundo o destacado experto en lectura, o matemático informático Stanislas Dehaene (1965), profesor de Neurociencia no prestixioso Collège de France, "as destrezas lectoras modifican o cerebro". Non só porque hai máis materia gris e malla máis basta de neuronas nas persoas que len, senón sobre todo porque os lectores activan circuitos de memoria e de atención.

Tamén porque as habilidades de comprensión lectora deixan pouso nas estructuras cerebrais máis profundas, tal e como veñen evidenciando as investigacións de equipos nesa rede envidiable que son os Institute Max Planck repartidos por Alemania e parte de Europa. Os hábitos de lectura proporcionan tranquilidade ao requerir concentración e consciencia. A atención centrada en comprender o texto deriva en competencia reflexiva cara un que se fai automática canto máis se le. Excelente exercicio de acougo e relaxación. Hai quen di que unha lectura ben levada salva de todo, ata de un mesmo.

Daniel Pennac (1944), escritor e guionista francés, e no seu momento profesor de Ensino Secundario, é autor dun libro delicioso sobre o que significa ler, Comme un roman (1992, traducido en Anagrama). Non se trata de converter a lectura nunha obriga, senón de sentila coma unha necesidade vital: "A lectura non depende da organización do tempo social, é, coma o amor, unha maneira de seres".

Ese xeito de ser que se debuxa en películas coma a recente de Isabel Coixet, La librería (2017), mais tamén noutros filmes nos que o personaxe, aínda non sabendo ler é unha grande escoitadora de relatos (K. Winslet como Hanna Schmitz en El lector (2008) do extraordinario Stephen Daldry), ou é unha profunda e perspicaz observadora que fai ver que a motivación sempre depende da atención consciente que se preste (o papel de Casey interpretado maxistralmente por Haley Lu Richardson en Columbus (2017) obra debut de Kogonada). Ler, ler, ler, para abrir os ollos, para alegrar a cara, para despertar a curiosidade. Para dilatar o tempo de vivir, que diría Pennac.

Catedrática de Lingüística na USC