El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Negro sobre branco

MARIA DO CARME GARCÍA-NEGRO

Actualidade do CETA (e 2)

17.07.2017 
A- A+

AS características do acordo comercial entre a UE e Canadá son as esperábeis dun acordo comercial entre unha grande potencia comercial como é a UE no escenario mundial e un grande estado tamén da OCDE cunha cifra de posíbeis consumidores ridícula (36,3 millóns de habitantes, nun territorio 20 veces España) comparada coa UE, ou cos EEUU, pero con potencial en determinados sectores de interese para os comunitarios.
Unha parte da industria canadiana que comercia coa UE é industria mundial con factorías por todo o mundo. As relacións habituais con Europa na maioría das ocasións son comercio intraindustria: intercambios entre partes da mesma empresa localizadas en territorios ben distantes. Este tipo de relacións non só se manterán senón que ao amparo do novo acordo facilítanse procesos de homologación de mercadorías, certificacións e trámites burocráticos que poderán no seu caso dar pé á ampliación dos intercambios. Trátase xa que logo de normalizar –abaratando– procesos das relacións comerciais xa existentes, e abrir camiños para outras futuras da mesma natureza.
Non se espera que apareza unha nova farmacéutica, por exemplo, como froito do acordo. As existentes son coñecidas e o seu poder de negociación é moi superior ao dos estados individuais onde se instalan. Outro tipo de mercadorías mencionadas de dirección Canadá-UE entran no grupo de maquinaria complexa da que o consumo europeo está moi riba das capacidades do interior canadiano. Neste caso tamén os aforros de custos no intercambio favoreceran ás compañías titulares nos casos de fábricas de aparatos de medición para laboratorios de certa complexidade, de equipas de comunicación…
Onde si vai haber negocio para as grandes construtoras europeas será no acceso, agora permitido, á contratación pública canadiana mesmo en níveis inferiores ao estatal, para obras públicas. Na UE foi moi ben acollido, neste momento en que o ciclo económico aínda non remontou para dar paso a un novo tirón da demanda pública en construción. O territorio alén mar é unha boa diana para as apostas europeas nese campo. Como é lóxico, o tecido industrial español interior non vai sofrer cambio algún por mor de que este bon negocio internacional sexa protagonizado ou non por unha empresa do IBEX 35. A presenza en Canadá permite asemade contratos de mantemento, de asesoramento, e mesmo de elaboración de novos proxectos.
O ruído da contestación política que se ten feito foi tan suave á vez que acariciadora da superficie do tratado que non merece máis que unha pequena lembranza. A falta de transparencia aducida como un defeito do tratado é unha constante. A opinión pública normalmente so é albo de propaganda interesada; se non, os informativos das cadeas públicas terían formatos completamente distintos. Non é habitual receber información sobre case nada, nen o CETA, nen a OTAN, nen a UE nen sequer como se resolve a débeda con Facenda das grandes equipas de fútbol. O mesmo secretismo dos acordos que houbo entre os partidos estatais cando se reformou a Constitución o mes de agosto de vai facer cinco anos. E non pasou nada.
Doutora en Economía