El Correo Gallego

Noticia 60 de 316 noticia anterior de Ourense-Capital do Termalismo Especiales » Ourense-Capital do Termalismo

O expediente BIC da Ribeira Sacra inclúe 167 entidades de poboación

A Deputación de Ourense publica a información planimétrica e xeográfica dos concellos e parroquias enmarcados dentro deste territorio, que poderá consultarse durante tres meses

O presidente da Deputación Provincial de Ourense, intervindo ante o presidente da Xunta, nunha visita ao Mosteiro de Rocas o pasado ano.  - FOTO: Gallego
O presidente da Deputación Provincial de Ourense, intervindo ante o presidente da Xunta, nunha visita ao Mosteiro de Rocas o pasado ano. - FOTO: Gallego

MARIO ÁLVAREZ  | 06.01.2018 
A- A+

A Deputación de Ourense ten na súa páxina web, a disposición de cidadáns, entidades e institucións interesadas, a información planimétrica e xeográfica das entidades incluídas no expediente do Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra.

O portal da institución provincial publica os planos, a relación de parroquias e concellos enmarcados neste territorio xeográfico, destacando que se abre un período de información pública de tres meses para a consulta pública dos datos.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen reactivou a candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial pola Unesco, considera que este é “un paso máis cara ao ilusionante logro de acadar este recoñecemento internacional para un dos territorios naturais máis singulares e co patrimonio histórico-artístico dos máis importantes de Europa”.

Manuel Baltar iniciou en 2013 os contactos a nivel local, interprovincial, autonómico e co Goberno do Estado para impulsar este proxecto, que ao longo destes anos desenvolveu os seus capítulos nos ámbitos institucionais, científicos, culturais, turísticos e patrimoniais, “unha distinción que lle dará ao territorio da Ribeira Sacra o gran pulo turístico, económico e social que merece pola importantísima riqueza histórica desta contorna das provincias de Ourense e Lugo”, asegurou o presidente da deputación.

O 21 de decembro do pasado ano, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incoou como BIC, coa categoría de Paisaxe cultural, á Ribeira Sacra, como paso previo para o recoñecemento do valor cultural sobranceiro deste territorio, con características culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano.

Ábrese agora un período de información pública durante o prazo de tres meses, e que poderá ser feita tamén nos concellos afectados pola declaración, no que a Deputación de Ourense pon a disposición dos interesados a información referida a este tema, incluíndo a relación das 167 entidades de poboación: parroquias e concellos, enmarcadas dentro do BIC e da área de estudo. Asemade, figura na información o plano da base da área de estudo; os planos da zona de amortecemento (17 planos); os planos de delimitación do BIC (125), e os planos de exoámbitos (26), ademais de datos sobre a superficie xeográfica total que abrangue o BIC e os quilómetros do perímetro delimitado.