El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Galicia | galicia@elcorreogallego.es  |   RSS - Galicia RSS

Galicia, entre as comunidades nas que máis cae a creación de empresas en xullo

Baixa a disolución de sociedades un 25,9% na Comunidade

SANTIAGO E.P.  | 12.09.2017 
A- A+

A constitución de novas sociedades mercantís baixou en Galicia un 26,3% en xullo respecto ao mesmo mes de 2016. En total, segundo os datos difundidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este martes, creáronse 264 empresas.

Deste xeito, Galicia acumula un retroceso maior que a media española (-9,4%). De feito, a caída na Comunidade é a cuarta de máis intensidade, só superada pola Rioxa (-52,3%), Aragón (-40%) e Cantabria (-32,9%). Así, a Comunidade galega sitúase en terreo negativo interanual en xullo por segundo mes consecutivo, tras o descenso do 14,7% de xuño.

Case todas as empresas creadas en Galicia en xullo foron sociedades limitadas (262) cun capital subscrito e desembolsado de 4,9 millóns de euros, salvo dous (sociedade anónima), con 128.000 euros. No outro extremo, en Galicia disolvéronse 63 empresas, o que supón un descenso do 25,9% en relación ao mesmo mes do ano anterior.

E a terceira autonomía na que máis diminúe, en contraposición á media na que crece (+2,1%). Pola súa banda, ampliaron capital un total de 74 empresas por un importe de 12,9 millóns. Todas eran sociedades limitadas. No outro lado reduciron capital 14 compañías por case 17 millóns de euros. Ademais desembolsaron dividendos pasivos dúas compañías por 57.000 euros.

DATOS ESTATAIS

O número de novas sociedades mercantís retrocedeu un 9,4% en xullo respecto ao mesmo mes de 2016, ata sumar 7.434 empresas, mentres que as disolucións empresariais aumentaron un 2,1%, ata totalizar 1.369, segundo os datos difundidos este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, a creación de empresas encadeou en xullo catro meses consecutivos de retrocesos interanuais tras caer en abril máis dun 18%, en maio un 0,3% e en xuño un 10,3%. O 22,8% das sociedades mercantís creadas en xullo dedícase ao comercio e o 14,9% a actividades inmobiliarias, financeiras e seguros.

En canto ás sociedades disoltas por actividade económica principal, o 19,3% correspondeu ao comercio e o 18,3% á construción. Para a constitución das 7.434 empresas creadas en xullo subscribíronse máis de 425 millóns de euros, o que supón un descenso do 1,2% respecto ao mesmo mes de 2016, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 57.184 euros, avanzou un 9,1% en taxa interanual.

Das 1.369 empresas que se disolveron en xullo deste ano, o 70,6% fixérono voluntariamente, o 13,2% por fusión con outras sociedades e o 16,2% restante por outras causas.