El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

O Monte Froxán opta a un premio de 30.000 € para accións ambientais

O proxecto de Lousame foi escollido xunto a outros trece entre 150 candidaturas

M. G.   | 13.03.2018 
A- A+

Lousame. Desde a media noite do 9 de marzo está aberta a plataforma de votación da European Outdoor Conservation Association, na que o público de todo o mundo escollerá cal dos 14 proxectos de conservación poderá acceder aos 30.000 euros de financiamento para accións ambientais que ofrece a entidade.

Os 14 proxectos foron escollidos nunha primeira fase de entre as 150 candidaturas iniciais, estando entre os seleccionados o Monte Veciñal de Froxán, en Lousame, que pretende plantar 10.000 árbores frondosas autóctonas e restaurar un hábitat prioritario de turbeira, gañándolle 20 hectáreas ás especies exóticas invasoras.

Calquera persoa pode colaborar para facer realidade o proxecto co seu voto a través da páxina da entidade (http://bit.do/froxan), e ata o 23 de marzo, candon pechan as votacións. Desde a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, promotora da iniciativa xunto co Monte Veciñal de Froxán, destacan que "ter chegado a este punto é un gran logro de por si, e ademais pon de relevancia o traballo feito durante os últimos meses e anos".